jueves, 24 de marzo de 2011

Noite de soños con adaxio en 6 tempos e medio

Un peixe pequeno, un gato, un tiburón picudo e mais eu. O gato quéreme comer. O tiburón deféndeme, dille, gato, se queres o peixe has de deixala en paz. E non me deixa. Finalmente marchan e consigo alviscar dende a ventá aos tres en fila, e como o tiburón, dando un saltopor riba do meu inimigo, atrapa o peixe cunha boca máis de gato que nunca.


Saio co coche. Cando xa estou conducindo decátome de que o volante está demasiado baixo e que as rodilllas me impiden alcanzalo e mirar a estrada ao mesmo tempo. Paro, non sen antes recibir algún insulto. Unha vez resolto o problema pérdome, pero unha amable señora dun quiosco axúdame a atoparme.


Entro na habitación. Está ao fondo unha ventá no teito, cos cristais suxos e pola que intenta entrar a luz dun claro día. Camiño cara esa esquina. Pouso os pés nas últimas táboas de madeira mentres me vou decatando que terá consecuencias. Caen entón as táboas ao meu redor, cara unha profundidade luminosa, pero só as máis próximas a min.Calma, e volven ao seu sitio. Xa atopándome eu próxima á porta o chan derrúbase nun grande estrondo, todo se perde, todo? Non. Non porque o seguinte que podo ver é un creba cabezas manexado por ninguén no que as pezas do chan se moven matemáticas, simétricas e caóticas pra os meus ollos dun lado a outro da habitación, ata finalmente acadar a súa posición inicial.

El estará esperando. Has de entrar e darlle seis gotas. Se entón che mira aos ollos durante máis de 5 segundos estarás perdido.
Baixou as escaleiras, escuras. Eu ía detrás. Había algo nesa casa... Unha luz escasa pero moi cálida, case de incendio.A porta estaba entreaberta. En caso de que todo saíra mal, fitou prá outra porta, a de entrada, robusta pero non demasiado grande, tamén en caso de que todo saíra ben a debería de usar axiña. Asomouse á estancia. Pra min era difícil imaxinar o que ía facer. Só no momento no que o vira, ata que lle dese as gotas, sería suficiente pra acabar un co outro.
El sen pensalo entrou rápido pero firme na habitación. Pra miña sorpresa ningún dos dous o mirou. Á esquerda, un ser escuro e frío falaba con voz pausada e rouca. Ao seu lado atendía con devoción o seu pupilo ás instruccións e consellos que estaba a recibir. Era novo pero máis que home, cun corpo forte gardado nunha sorte de armadura e fermosas faccións, coroadas por cabelo negro e longo. Ignorándoos tanto como eles a el, colleu ao mozo pola queixada sen que este deixase de atender ao mestre e deulle as gotas dun frasco de cristal. Retrocedeu uns pasos e agardou. Paramos os latexos pra concentrarnos en cada son, cada movemento, que serían decisivos. Suavemente, comezou a xirar a cabeza cara nós. Unha mirada de tolo habitante duns intensos ollos verdes cravóusenos no cerebro. Un...dous...tres...
E mirou de novo ao escuro mestre, que non deixara de falar neses tres segundos nos que se detivera o tempo, e saímos de présa pola porta principal.

Xardíns arredores un pazo, ponlle Schönbrunn ponlle Versalles, ponlle ningún. Eu son agora unha dama cun vestido branco, ponlle Raíña Branca de Alicia. El está ao lonxe, dun brillante negro nun día soleado. Os meus vasalos murmuran. Os seus tamén. Ambos sabemos que aquí, rodeados de xente, ningún vai atacar. Non hai perigo, pero hai tensión. Aparece un terceiro e continúan as estratexias.


Isto é hai moitos anos. Cando os cines eran un a un. Chegamos a unha praza. Eu vou cun señor maior pero con moita vitalidade. A praza está rodeada de cines, cada un co seu cartel iluminado cada un coa súa cor e o seu nome. O home que me acompaña vaime explicando entusiasmado como eran antes as cousas, cheas de opcións e oportunidades. Penso que en calquer momento se vai poñer a saltar e correr como un neno.

Penso, xa non sei se durmida ou esperta, no cine París e na monótona roupa que vende agora. Está morto agora ese home.

No hay comentarios:

Publicar un comentario