miércoles, 2 de noviembre de 2016

What happened to Tom Foster?

agora xa se me confunden os sucesos e
dende esta cama non podo estirar ben as pernas e
por iso os pensamentos se me revolven

dixeron que saíches teso como un pao e
que os ollos se fixeron tan pequenos que
tiñas un aspecto cómico

ou pareceumo a min?

agora xa me ven ás mans esa forza que me atrapa
agora xa che vexo rindo diante de min e sinto a pel tremer
agora xa te devolvo un sorriso e estoupo de verdade

que fermoso pelo e como se manchou todo de branco!
canta auga na miña roupa ao rematar!
e unha dor nos brazos que me acompaña aínda hoxe

e ti dentro
conxelado
tan marabilloso o volverte ver 
            tan só uns intres máis tarde
tan quedo
pero coa mirada chorando

e logo xa ves
que mágoa de cadáver!
eterno como poderías ter sido
podreces na terra
e eu na cadea


[Sabela Rodríguez Lorenzo]

miércoles, 12 de junio de 2013

vou vomitarche enriba pra que vexas de que estou feita.

por dentro      teño picos
       que se cravan ao agacharme.

a pel que me cobre
       fíxena do ventre dos meus peitos

e as portas máis escuras son
                           só
       debuxos que non levan a ningures


ves agora?

teño dentes agasallo dos animais
             que me morden cando non miro

as mulleres que me habitan non se atreven
                                               nunca
                      a falarme

e os pés desfanse en canto piso a area


velo?

cando corto os músculos
           soan como mordazas de carne húmida

e porque sego tendo pestanas
                     recoñezo
                                cando
                                       mintes

[Sabela Rodríguez Lorenzo]

miércoles, 8 de mayo de 2013

Se che gusta algo e sabes explicar por qué,
probablemente non che guste demasiado.

martes, 30 de abril de 2013


que me corten

que me corten dunha soa e potente labazada.
abrupta e visceral,
negra no interior e transparente superficie
que me corten

chámaos
reúne a centos
que se acheguen todos eles
uns que miren e os outros
que me corten


[Sabela Rodríguez Lorenzo]

o que me importa

a materia orgánica
os desexos que non se cumpren
os cristais rotos
a luz
do sol e lúa
os soños
as miradas perdidas

o que non me importa



[Sabela Rodríguez Lorenzo]

sábado, 16 de marzo de 2013


era un pequeno anaco de pel que remataba en punta
o que cortaba as follas

unha punta temida por lobos e raposos
mais era paciente e non perseguía a ninguén

os lobos

eu nunca vira un lobo ata que cheguei a esta fría terra
eu nunca vira un lobo mais coñecía os nomes de todos eles
e eles o meu
sabela, sabela
chamaban de noite
e mantiña os ollos ben abertos para espantalos


as miñocas

atraentes animais.
nunca todo o vermellas que poderían ser porque non teñen sangue coma nós
pero sempre dividíndose grazas á miña man asasina
debuxan co seu corpo o comezo do meu nome

a denociña

ela é unha soa
só unha a que mora en todas as tobeiras



[Sabela Rodríguez Lorenzo]

viernes, 15 de marzo de 2013

ni dios ni amo


Y dije: “Sí, señor”.
A lo que me contestó:
Aquí no hay señor,
aquí no tenemos ni dios ni amo”.
José Luis Sampedro.


os donos das persoas vomitaron o cascallo
e as cunchas todas da praia erixíronse de novo
en arquitectónicas criaturas

degolaron aos miróns que respondían a todo que si
logo de que accederan á súa propia execución

os foraxidos non puideron continuar
porque lles quedaron nas pernas atoados os ollos
e as pernas nos ollos
e viceversa

a cotra de merda nas paredes semellaba chorar esterco
e todos todos admiraron ese cheiro

saben ben dende entón que un sinal de deus aparece sempre como unha mentira
unha muller derrotada

ou de noite.


[Sabela Rodríguez Lorenzo]