domingo, 10 de junio de 2012

Un neno que perdeu un zapato

Pasa inmediatamente a chamarse "O neno que perdeu un zapato".

Procedemos, agora si, a relatar os acontecementos.

Día 1
 Un neno (ou o neno)
sae da porta dunha casa que se continúa verticalmente co cumio dun monte.
O neno,
co camiñar lixeiro propio da idade que teña,
 diríxese ao pé dunha árbore enorme.
Ao chegar,
axeónllase devagar e rabuña suavemente na terra.

Día 2
Un neno,
o mesmo neno,
fronte á mesma árbore,
abanea fortemente as mans.
Continúa durante uns minutos
e interrómpese de golpe.
Baixa as mans e volve á casa.

Día 3
O neno dá voltas arredor da árbore
debuxando cun pao unha liña no solo.
Solta o pao e volve a casa.

O último día
O neno sae da casa,
diríxese á árbore,
alcánzaa,
chántase en fronte dela.
Tras unha breve e intensa axitación da escena
 o neno comeza a ser absorbido pola Terra.
A Terra,
pola súa parte,
cuspe auga con forza.
Axiña o neno desaparece,
quedando tan só un zapato ao carón dunha árbore enorme.




[Sabela Rodríguez Lorenzo]

O creador


Incluso ao máis impuro ateo lle resulta tentador xogar coa idea dun creador -chamarlle deus ou non é irrelevante para o caso- de quen facer unha pantomima, un humanizado ser enchoupado da torpeza entrañable da especie.
Recoñezo descubrirme unha e outra vez invocando, culpando, agradecendo ou sinxelamente sinalando ao ubicuo e indecente que lavou as mans das que se lle escapou todo isto. Ui, xa me volveu pasar.


[Sabela Rodríguez Lorenzo]

viernes, 8 de junio de 2012

A importancia de ser raro

Por raro poden entenderse moitas cousas, pero poucas palabras fan referencia con máis sinxeleza e suavidade a un estado e orde das cousas que lle resulta tan absorbente ao meu cerebro.

As cousas raras, por definición pouco habituais ou que se saen da norma, escapan da marxe real do que nos rodea e quedan varadas na outra beira, agardando por unha mirada que as rescate, quizais para apreciala gardada con receo, ou quizais pra devolvela suavemente á súa orixe.


 [Sabela Rodríguez Lorenzo]