Pasa inmediatamente a chamarse "O neno que perdeu un zapato".
Procedemos, agora si, a relatar os acontecementos.
Día 1
Un neno (ou o neno)
sae da porta dunha casa que se continúa verticalmente co cumio dun monte.
O neno,
co camiñar lixeiro propio da idade que teña,
diríxese ao pé dunha árbore enorme.
Ao chegar,
axeónllase devagar e rabuña suavemente na terra.
Día 2
Un neno,
o mesmo neno,
fronte á mesma árbore,
abanea fortemente as mans.
Continúa durante uns minutos
e interrómpese de golpe.
Baixa as mans e volve á casa.
Día 3
O neno dá voltas arredor da árbore
debuxando cun pao unha liña no solo.
Solta o pao e volve a casa.
O último día
O neno sae da casa,
diríxese á árbore,
alcánzaa,
chántase en fronte dela.
Tras unha breve e intensa axitación da escena
o neno comeza a ser absorbido pola Terra.
A Terra,
pola súa parte,
cuspe auga con forza.
Axiña o neno desaparece,
quedando tan só un zapato ao carón dunha árbore enorme.
[Sabela Rodríguez Lorenzo]